Presentación de "Receitas para cociñar o ar"

venres, 24 de Marzo de 2023

Pepablo Patinho presenta o seu novo libro na biblioteca.

O venres 31 de marzo ás 18:30 a nosa sala de usos múltiples da planta soto abre as súas portas para acoller a presentación do novo libro de Pepablo Patinho Penya: Receitas para cociñar o ar.

Pepablo Patinho Penya (Ferrol 1971) é actor, escritor e director teatral. É autor de contos e textos dramáticos como O saltón Astronauta, 3...2...1..., Lúa, A nena e o grilo no máis aló, Nana para un soldado ou A música das buguinas, entre outros. Adaptou tamén para o teatro o conto de Ricardo Carvalho Calero As pitas baixo a choiva.

Fundador con Montse Piñón da compañía de teatro Ghazafelhos, xuntos levan case dúas décadas representando as súas obras por toda Galicia. A súa é unha das compañías de teatro familiar máis queridas polo público.

Sobre o libro que presenta agora na biblioteca o autor expresa:

A miña avoa tamén era unha meiga. Ela lía moitísimo máis ca min. Tiña libros por toda a casa; andeis, caixóns, arquetas...; habíaos baixo da cama e incluso na cociña! Alí tiña libros nun alzadeiro cheos de feixes de herbas que recendían a marabilla. E alí foi onde, precisamente, lin o primeiro libro que me transformou: Receitas para cociñar o ar.

Receitas para cociñar o ar é un libro de pequenos relatos da vida dunha nena que descobre tesouros como a natureza, a literatura, a ecoloxía, a amizade... Está pensado para  reflexionar sobre os pequenos detalles que lle dan importancia á vida; de onde ven a auga e por que é tan valiosa? como se formaron os camiños? Por que é importante ler... Receitas para cociñar o ar é un libro que convida a saír a fóra e descubrir o mundo.

Para esta presentación o autor estará acompañado pola guitarra de Gloria Mosquera Roel (Mamá cabra).

O acto está aberto ao público ata completar o aforo da sala.

 

 

 

Etiquetas: 
Presentacións de libros
Encontros con autores/as
Música en vivo
Biblioespazo 2023