Presentación do libro A casa d’A Faísca de Manuel Patinha

luns, 9 de Novembro de 2026

A biblioteca acolle este xoves 19 de novembro ás 18:00 h a presentación de A casa da Faísca, nova obra de Manuel Patinha, que incluirá sinatura de exemplares con debuxo do autor.

O vindeiro xoves 19 de novembro ás 18:00 horas, a biblioteca acollerá a presentación de A casa d’A Faísca, a obra máis recente editada en versión bilingüe en galego e castelán polo creador pluridisciplinar Manuel Patinha. Na mesa de presentación estarán acompañando ao autor a alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro Díaz, e o profesor e escritor Eduardo Fra Molinero.

A obra é o relato dunha etapa de vida compartida marcada pola lealdade, o traballo e unha maneira auténtica de habitar o mundo. A través da memoria dunha casa que foi moito máis que un lugar físico, o autor reconstrúe unha convivencia intensa e profundamente humana feita de afectos, dificultades e vínculos que resistiron o paso do tempo. Sen idealizacións nin nostalxia excesiva, estas páxinas falan da pegada que deixan os espazos e as persoas que nos deron sentido e nos ensinaron que tamén era posible vivir doutra maneira.

Manuel Patinha, nado en Póvoa de Santa Iria (Portugal) en 1949, é un recoñecido pintor, escultor e gravador que cultivou a escrita coa mesma intensidade que as artes plásticas. A súa traxectoria literaria inclúe títulos como Froitos do Tempo (2015), Montecoruto (2025), Descartes, o poemario bilingüe El rigor de la luz botánica, Nacido na periferia e esta última obra, A casa d’A Faísca.

Ao finalizar o acto, as persoas asistentes terán a oportunidade de adquirir exemplares do libro, que o propio autor asinará cun debuxo orixinal.

 

 

Etiquetas: 
Presentación de libros
Encontros con autores
Manuel Patinha