Presentación do libro El postre hibernal.

mércores, 21 de Xaneiro de 2026

Nora Ortega Pérez presenta na biblioteca este conto infantil

O sábado 31 de xaneiro, ás 11:30 horas, a biblioteca acollerá a presentación de El postre hibernal, unha obra de narrativa infantil escrita por Nora Ortega Pérez.

Nora Ortega Pérez (1996) é bióloga e no seu tempo libre escribe historias para escapar da realidade e explorar mundos onde a imaxinación marca o ritmo.

En 2022 gañou o VII Concurso de Ficción e Ciencia da Universidade de Málaga co relato En memoria del mañana e foi finalista do Premio Domingo Santos 2024 con Tu guitarra y tú. Ten publicados relatos en diversas antoloxías, participou como coordinadora na revista Opportunity durante 2024 e 2025 e continúa vinculada á Asociación Pórtico como voluntaria. Ademais, conta con varias novelas de distintos xéneros e públicos que seguen á espera de atopar casa.

El postre hibernal, autopublicado en decembro de 2025, lévanos a unha aventura chea de aromas, amizade e valentía. Habichuela sente que todo está perdido cando a súa nai lle di que estragou a vainilla dourada, o ingrediente clave da Sobremesa Hibernal. Mais, xunto ás súas amigas, decide internarse no Bosque dos Aromas para tentar conseguila de novo. O que comeza como unha simple excursión convértese nunha viaxe chea de perigos, medos e aprendizaxes compartidas.

Neste acto de presentación do libro a autora estará acompañada por Blanca Rodríguez Rodríguez, escritora, tradutora e coordinadora dos Clubs de lectura da nosa biblioteca. Ao finalizar, as persoas interesadas poderán adquirir exemplares da obra.

Actividade de acceso libre ata completar o aforo dispoñible da sala.

 

 

Etiquetas: 
Encontros con autoras
Presentacións de libros
Faladoiros