Presentación do libro "Non son modos", de J. L. Graña Muíño

mércores, 13 de Maio de 2026

A biblioteca acolle a presentación de Non son modos, unha obra teatral de J. L. Graña Muíño.

O vindeiro 20 de maio, ás 18:30 horas, a Biblioteca Municipal de Narón será escenario da presentación de Non son modos, a última obra de José Luis Graña Muíño, editada por Medulia Editorial.

Nado en Cerdido (A Coruña) en 1955, o autor conta cunha ampla traxectoria vinculada ao ensino e ao ámbito escénico, no que desenvolveu múltiples iniciativas co alumnado, desde contacontos ata representacións teatrais. Ao longo da súa carreira publicou obras de diversa índole —narrativa, teatro e poesía— nas que aborda cuestións sociais, culturais e emocionais desde diferentes perspectivas.

Non son modos é unha obra de teatro que mestura emoción e reflexión arredor das dificultades que poden xurdir na convivencia, cunha especial atención á saúde mental. A través dunha metáfora cromática, a peza convida a pensar sobre a diversidade, os equilibrios nas relacións e os riscos de non recoñecer as propias limitacións.

No acto, o autor estará acompañado por Brais Rey, actor, e Verónica Boutureira, mestra, quen contribuirán a enriquecer a presentación e o diálogo co público asistente, ofrecendo ademais unha pequena representación dun fragmento da obra.

Tras a finalización, todas as persoas que o desexen poderán adquirir un exemplar.

 

 

 

Etiquetas: 
Presentación de libros
Encontros con autores
Faladoiros
teatro