V Feira-mostra do libro usado e de segunda man
Unha nova edición e unha nova oportunidade de trocar ou adquirir a bo prezo os teus títulos favoritos.
En 2013 celebramos por primeira vez a Feira-mostra do libro usado e de segunda man, que tras o éxito dos anos anteriores celebra en 2017 a súa quinta edición.
Ao igual que nos pasados anos, enmarcamos esta actividade en abril, mes do libro, concretamente entre o luns 17 e o venres 21 (ambos incluídos) de 17:00 a 20:00 horas.
Se tes un lote de libros que xa non che fai falta, a biblioteca ofréceche a oportunidade de vendelos ou trocalos, para o que che asignará un posto de venda e troco na planta baixa do edificio. Só haberá dez postos, así que as persoas interesadas deberedes:
- Solicitar a participación na actividade mediante a presentación dunha instancia no Rexistro xeral do concello a partir do luns 27 de marzo. Os postos outorgaranzse por rigorosa orde de entrada das instancias no rexistro.
- Expoñer un mínimo de 25 exemplares cada día.
- Cumprir os horarios establecidos para a actividade.
- Facilitar ao final de cada xornada os datos de vendas e trocos para elaborar a estatística.
Para participar como expositor/a é necesario estar dado/a de alta como usuario/a da biblioteca e coas cotas actualizadas o día de apertura do prazo de solicitude. Deberán absterse de participar aquelas persoas relacionadas co sector editorial, distribuidor ou libreiro, así como da actividade económica de mercado de compravenda.
Anímate a participar!
Para máis información diríxete ao mostrador da biblioteca, chama ao 981382173 ou escribe a biblioteca.central@naron.es
Engadir comentario