Xornada de portas abertas

martes, 18 de Outubro de 2016

Visitas guiadas para coñecer todas as tarefas e servizos bibliotecarios

Como moitos e moitas saberedes, o 24 de outubro conmemórase o Día mundial das bibliotecas, un evento que se celebra dende o ano 1997 a proposta da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, en lembranza da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

Entre os diferentes actos cos que nós queremos conmemorar este ano esta data, atópase a Xornada de portas abertas na nosa biblioteca, unha actividade coa que queremos dar a coñecer a toda a cidadanía non só os servizos aos que poden acceder, senón tamén todas aquelas tarefas de traballo interno necesarias para poder prestalos.

 

Data:

Luns 24 de outubro de 2016

Horario:

Pola mañá para o público adulto:

11:00-12:00

Pola tarde para o público familiar:

18:00-19:00

Descrición:

A actividade consistirá nunha visita guiada por todo o edificio que alberga a biblioteca, de maneira que os usuarios/as podades coñecer os espazos aos que xeralmente non tedes acceso. En cada espazo en concreto explicaremos as tarefas bibliotecarias que se realizan e que o público non ve directamente: selección de fondos, catalogación, preparación física dos documentos, encadernación, arquivo…

Ademáis, nos espazos en libre acceso aproveitaremos para dar as nocións básicas de organización do fondo e das normas xerais de uso. Repasaremos tamén todos os servizos que a biblioteca ofrece, para aqueles usuarios/as que descoñezan algún deles.

 

Percorrido:

Na planta baixa visitaremos:

  • os dous espazos de traballo interno, un dos cales alberga o fondo audiovisual.
  • o arquivo onde se gardan os materiais e as máquinas plastificadora e encadernadora.

 

Na primeira planta poderemos ver:

  • o depósito de libros que non están en libre acceso pero que teñen a mesma política de préstamo e uso que os que si están.
  • o arquivo onde se gardan as publicacións periódicas e os fondos de acceso restrinxido.

 

E xa na segunda planta veremos:

  • a sala multiusos onde se celebran actividades tan diversas coma presentación de libros, audicións, proxeccións, cursos e obradoiros, charlas…
  • os seminarios de estudio, espazos pensados para a investigación pero que se ofrecen ao público en xeral coma alternativa cando a celebración de actividades interfire co estudio na sala de lectura.

 

Público ao que vai dirixida:

A actividade está destinada a todos os públicos. Ao coincidir en día lectivo, a xornada de mañá será cuberta máis ben con público adulto e a da tarde con persoas de todas as idades.

Consideramos que hai moitas persoas usuarias habituais da biblioteca que descoñecen as tarefas que se realizan antes e despois da prestación dos servizos que elas reciben e esta é unha oportunidade de amosarllas.

 

Inscrición:

Será necesaria unha inscrición previa nalgunha das quendas, que terán un límite de 15 persoas. As plazas otorgaranse por orde de inscrición.

Etiquetas: 
Biblioespazo 2016
Día da biblioteca 2016
Xornada de portas abertas