Cita a cegas 2026

mércores, 4 de Febreiro de 2026

Namórate dun libro este San Valentín!

O amor pode aparecer onde menos o agardas… e ás veces vén en forma de libro. Unha historia inesperada, unha voz descoñecida ou unhas páxinas que non pensabas escoller poden acabar conquistándote sen remedio.

Un ano máis, na biblioteca propoñémosche atopar o teu próximo frechazo literario cunha cita a cegas coa lectura.

En que consiste?
Do luns 9 ao sábado 14 de febreiro (ou ata esgotar existencias), atoparás unha selección de libros envoltos e listos para ir contigo. Hai un pouco de todo: novelas, sorpresas e mesmo algúns títulos da sección infantil que nos encantaron por distintos motivos e que merecen unha segunda (ou primeira) oportunidade.

Non verás nin o título nin a portada: só unhas pequenas pistas para deixarte guiar pola intuición.

Poderás levar un exemplar para a casa, descubrilo con calma e ver se salta a chispa entre ti e as súas páxinas.

Que buscamos con esta iniciativa?

  • Animarte a probar lecturas fóra da túa zona de confort.
  • Dar visibilidade a libros que adoitan quedar agochados entre as novidades.
  • Poñerte en contacto con autoras e autores que quizais aínda non coñeces.
  • Abrir a porta a novos xéneros e estilos literarios.

Para quen?
Para público adulto, a partir de 16 anos.

 

Tamén na Axencia de lectura da Gándara!

Se che queda mellor, tamén podes participar na Axencia de lectura da Gándara do luns 9 ao venres 13 de febreiro, no seu horario habitual de apertura (de 17:00 a 19:00 h).

 

 

 

Etiquetas: 
San Valentín
Cita a cegas
Seleccións