O misterio dos calacús
Actividade lúdica sobre a Noite de Samaín

Achégase o Samaín e na biblioteca agochouse un misterio... os calacús desapareceron! Seremos quen de atopalos?
Preparamos unha actividade para achegármonos á tradición do Samaín en Galicia a través dos contos, os xogos e a creatividade. Comezaremos cunha breve presentación para descubrir que é o Samaín e, a continuación, gozaremos dun conto cheo de misterio.
Despois converteremos a biblioteca nun lugar de busca: teremos que atopar os calacús agochados entre os libros. Cada un deles gardará unha pequena sorpresa para seguir gozando das historias na casa.
E, para rematar, cada nena e cada neno poderá crear o seu propio calacú de Samaín.
Esta actividade terá lugar o sábado 31 de outubro ás 11:00 horas.
Para participar:
- Os nenos e nenas teñen que ter os catro anos feitos e o carné de rede de bibliotecas sen sancións pendentes.
- É necesario reservar praza a partir do martes 27 de outubro ás 16:00 horas, de maneira presencial ou chamando ao 981382173 en horario de apertura.
Será unha actividade para descubrir as tradicións galegas, xogar, escoitar historias e, sobre todo, gozar da biblioteca dun xeito diferente.







Engadir comentario