Abril, mes de bookcrossing
Liberación de libros en espazos públicos de Narón durante o mes de abril.
Hoxe presentámosvos outra das actividades coas que estamos a celebrar o Día internacional do libro infantil e xuvenil e o Día internacional do libro.
Trátase de varias xornadas de bookcrossing que se espallarán durante todo o mes de abril.
Que é o bookcrossing?
O bookcrossing é unha actividade que consiste en liberar libros en espazos públicos para que sexan atopados por outras persoas que, á súa vez, os deixen libres despois de lelos. Podemos facer un seguimento dos nosos libros liberados, que nalgunhas ocasións poden chegar a dar a volta ao mundo.
Que faremos na biblioteca?
Temos seleccionados cincuenta libros (para bebés, infantís, xuvenís e de adultos/as) para liberar en espazos públicos do noso concello.
Cada martes e xoves de abril liberaremos seis libros en tres espazos diferentes e publicaremos en www.bookcrossing.es as notas de liberación para que saibades onde tedes que ir buscalos.
Que tedes que facer vos?
Estade moi atentos/as cada martes e xoves para saber que libros podedes atopar en cada espazo.
Cando atopedes un dos libros liberados, correde a publicar o achado na páxina web e, despois de lelo, deixade que siga a súa viaxe.
Aquí tedes un enlace a un artigo que explica moi ben en que consiste o bookcrossing e que é o que se espera das persoas que participan neste gran club mundial.
Se precisades axuda para inscribirvos ou facer calquera xestión non dubidedes en pasarvos pola biblioteca. Estaremos encantadas de axudarvos.
Engadir comentario