Club de Lectura Fácil
Un novo espazo de encontro a partir de outubro
A partir do próximo mes de outubro, a Asociación Nuestra Señora de Chamorro ofrece a todas aquelas persoas que queiran participar, un Club de “Lectura Fácil”.
Que é a Lectura Fácil?
A lectura fácil é unha adaptación de libros, documentos administrativos, páxinas web, etc que permite unha lectura e unha comprensión máis sinxela dun contido, eliminando barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.
Esta adaptación faise segundo as directrices internacionais da IFLA (Federación Internacional de asociacións e institucións bibliotecarias) e de Inclusion Europe en canto á linguaxe, o contido e a forma.
A Asociación Lectura Fácil revisa a adaptación destes materiais e os valida co logo LF.
A quen vai dirixida?
Diríxese a todas as persoas, especialmente a aquelas que teñen dificultades lectoras, xa sexan:
- transitorias (poboación inmigrante que non fala as nosas linguas, persoas con incorporación tardía á lectura, escolarización deficiente…) ou
- permanentes (persoas con trastornos da aprendizaxe, con diversidade funcional, senilidade, discapacidade auditiva…)
Por que é necesaria a LF?
- Porque o acceso á lectura e á información é un dereito e unha necesidade social.
- Porque ler permite compartir ideas, pensamentos e experiencias.
- Porque moitos textos teñen un exceso de tecnicismos, sintaxe complexa e presentación pouco clara.
- Porque máis do 30% da poboación ten dificultades lectoras.
Que faremos na biblioteca?
Organizaranse varios grupos que se reunirán unha vez ao mes para compartir a lectura de materiais catalogados como Lectura Fácil.
Prazo de inscrición:
Para participar é necesario ter 18 anos cumpridos e inscribirse na biblioteca a partir do martes 13 de setembro. Se o prefieres tamén podes chamar por teléfono ao 981382173.
Presentación da actividade:
Na semana entre o luns 26 e o venres 30 de setembro convocaremos ás persoas inscritas a unha xuntanza para a presentación da actividade, co fin de resolver todas as posibles dúbidas e establecer a data de comezo do club de lectura.
Comezo da actividade:
Tras a xuntanza de presentación e tendo en conta as opinión das persoas participantes, establecerase unha data de inicio dentro da primeira semana de outubro.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE A LECTURA FÁCIL:
Engadir comentario