Exposición "Influir no global dende o local"

venres, 17 de Outubro de 2014

A nosa biblioteca acolle dende o 16 ao 30 de outubro a exposición itinerante Influir no global dende o local : as entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto, pertencente ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Podedes visitar a exposición durante o noso horario de apertura habitual (consultade aquí).

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de Concellos e Deputacións de Galicia que, por medio do traballo en rede e co apoio institucional da Xunta de Galicia, leva 16 anos realizando proxectos de cooperación internacional, defendendo e promovendo os Dereitos Humanos Universais nos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos.

Coa exposición Influir no global dende o local preténdese poñer de manifesto o importante papel das entidades locais como axentes activos na cooperación internacional para o desenvolvemento.

Ante a pregunta “por que deben cooperar os concellos e deputacións galegas?” atopamos unha resposta de plena actualidade. Tal e como reza o panel número 4 “as nosas localidades tamén están no mundo global e neste mundo hai moitos problemas relacionados coa pobreza que non coñecen fronteiras. Un deles é a aparición e contaxio de enfermidades debido ás peores condicións de vida e atención sanitaria. Estas enfermidades poden convertirse en pandemias…”. Por desgraza, os recentes casos de ébola en España veñen a corroborar totalmente este punto.

A través dos 10 paneis que conforman a exposición veremos que accións e programas levan a cabo os nosos concellos e deputacións nos países menos desenvolvidos. Ademáis, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade realiza actividades complementarias en Galiza como visitas, xornadas, estudos, funcións teatrais ou contacontos para a sensibilización da sociedade.


Teremos ocasión de disfrutar na nosa biblioteca de Contos coas mans abertas, unha sesión de contacontos con música en directo destinada ao público maior de 15 anos. Será o sábado 25 de outubro ás 11:00 da mañá e podedes reservar prazas para asistir a partir do luns 20 ás 16:00 horas, chamando ao 981 382 173 ou no mostrador de préstamo da biblioteca.

Etiquetas: 
Biblioespazo 2014
Exposicións
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade