Lectura Fácil
Unha nova sección na biblioteca
A partir deste mes de decembro de 2020 creamos un novo centro de interese na biblioteca, a sección de Lectura Fácil.
Que é a Lectura Fácil?
A lectura fácil é a adaptación de libros, documentos administrativos, páxinas web, etc que permite unha lectura e unha comprensión máis sinxela dun contido eliminando barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.
Esta adaptación faise segundo as directrices internacionais da IFLA (Federación Internacional de asociacións e institucións bibliotecarias) e de Inclusion Europe en canto á linguaxe, o contido e a forma.
A Asociación Lectura Fácil revisa a adaptación destes materiais e os valida co logo LF.
A quen vai dirixida?
Diríxese a todas as persoas, especialmente a aquelas que teñen dificultades lectoras, xa sexan:
► transitorias (poboación inmigrante que non fala as nosas linguas, persoas con incorporación tardía á lectura, escolarización deficiente…) ou
► permanentes (persoas con trastornos da aprendizaxe, con diversidade funcional, senilidade, discapacidade auditiva…)
Por que é necesaria a Lectura Fácil?
- Porque o acceso á lectura e á información é un dereito e unha necesidade social.
- Porque ler permite compartir ideas, pensamentos e experiencias.
- Porque moitos textos teñen un exceso de tecnicismos, sintaxe complexa e presentación pouco clara.
- Porque máis do 30% da poboación ten dificultades lectoras.
Sección Lectura Fácil
A biblioteca inaugura este novo centro de interese, que estará ubicado na planta baixa da sección de adultos/as.
Esta sección estará conformada por materiais co código LF co que a Asociación Lectura Fácil valida os documentos unha vez revisados e adaptados.
Colección "Tú puedes" coa que inauguramos esta sección.
Engadir comentario