Libros de pel auténtica

luns, 14 de Outubro de 2024

Historias vivas que non atoparás nos libros tradicionais.

O mércores 23 de outubro, convidámosvos a participar en Libros de pel auténtica, unha actividade inspirada no concepto de Biblioteca Humana. Nesta iniciativa, terás a oportunidade de “ler” persoas en lugar de libros tradicionais, conversando directamente con individuos que comparten as súas historias e vivencias.

Contaremos con tres persoas-libro, cuxas vidas están marcadas por estereotipos e estigmas que persisten na sociedade. O obxectivo é derrubar prexuízos a través do diálogo. O catálogo de “libros” para esta ocasión incluirá:

  • ¿Por qué lo llamas sexo cuando quiero decir amor? : descubrir la sexualidad en el franquismo y vivencia LGTB en tiempos revueltos, por Juan Luis Recio. A experiencia dun home homosexual que viviu diferentes etapas históricas dos movementos do colectivo. Coa colaboración de Alas A Coruña.
  • El reflejo de Thalía : historia de una mujer gitana, por Thalía Romero Romero. A experiencia dunha moza xitana que racha cos estereotipos desta comunidade. Coa colaboración de Acción Familiar Ferrol.
  • Sin prejuicios : una joven musulmana en un mundo diverso, por Hiba Diboun. A experiencia dunha moza inmigrante marroquí musulmana, atleta no Club Atletismo Narón.

Cada unha destas persoas-libro compartirá a súa historia, permitindo aos usuarios e usuarias participantes explorar novas perspectivas e desafiar os estigmas sociais. A Biblioteca Humana promove a empatía e o entendemento, creando espazos para un diálogo aberto e honesto. A través destas conversas, reflexionarás sobre temas de identidade, diversidade e inclusión.

Para “ler” algún destes libros, reserva a túa praza a partir do xoves 17 de outubro ás 9:30 (presencialmente ou chamando ao 981382173). Poderás elixir a túa quenda dentro dos seguintes horarios:

  • De 17:00 a 17:30.
  • De 17:45 a 18:15.
  • De 18:30 a 19:00.

Non perdas a oportunidade de vivir esta experiencia única!

 

 

Etiquetas: 
Conversas
Estereotipos
Prexuizos
Día internacional das bibliotecas