Presentación de proxectos de nenos e nenas de Áurega

xoves, 21 de Setembro de 2023

Os pequenos/as científicos presentan ao público os seus proxectos

Logo de traballar arreo nos seus proxectos, os nenos e nenas de Áurega preséntanos ao público en xeral este sábado na biblioteca.

Áurega é unha asociación de familias de nenos/as con Altas Capacidades, talentos e inquedanzas intelectuais con sede no noso concello. Naceu hai case cinco anos para visibilizar as necesidades das persoas con altas capacidades e ofrecer información e ferramentas ás súas familias e conta xa con máis dun cento de familias asociadas.

O sábado 30 de setembro entre as 11:00 e as 12:00 usuarios/as de todas as idades teremos a oportunidade de coñecer os proxectos nos que dous grupos de nenos e nenas de entre 4 e 6 anos estiveron traballando a pasada tempada:

  • O museo de Flororo: Empregando como referencia o conto El museo de Tronquito, os nenos e nenas crearon diferentes obras artísticas empregando materiais de refugallo.
  • O libro dos animais en perigo de extinción: Tras unha investigación sobre os animais que se atopan en perigo de extinción, os nenos e nenas escribiron e deseñaron un conto que representa os diferentes hábitats acompañado de maquetas que reproducen os animais e a súa contorna.

Os pequenos e pequenas estarán encantados de compartir os seus descubrimentos nesta presentación que promete ser educativa e, sobre todo, inspiradora. As persoas que se queiran achegar terán a oportunidade de interactuar con eles/as e facerlles preguntas sobre estes proxectos.

Para asistir non precisades inscrición previa. A entrada é libre e de balde dentro do horario establecido.

Agardámosvos!

 

 

Etiquetas: 
Presentacións
Altas Capacidades
Faladoiros
Áurega
Biblioespazo 2023