Reto lector 2017

mércores, 21 de Decembro de 2016

Aceptas o reto de ler 24 libros durante o vindeiro ano?

Para todas esas persoas ás que lles custa un chisco ler, para aquelas outras indecisas que nunca saben onde escoller, para aquelas que len só un determinado xénero e están abertas a máis posibilidades e,sobre todo, para as persoas aventureiras ás que lles gustan os desafíos… Para todas vai o noso Reto Lector 2017.

Con que obxectivo lanzamos o reto?
  • Para lograr ler 24 libros nun ano.
  • Para ampliar os xéneros e temáticas das nosas lecturas.
  • Para participar dun desafío con máis persoas.
  • Para coñecer os gustos doutros lectores e lectoras e, ao mesmo tempo, poder facerlles suxerencias.
En que vai consistir?

Dende a biblioteca faremos unha proposta de lectura para cada quincena de cada mes.

  1. Para a primeira quincena escolleremos un reto obxectivo do que poder ofrecervos varias opcións. Teredes á vosa disposición unha selección de textos que se axusten á proposta ofrecida (por exemplo: libros escritos por autores/as premiados co Nobel de Literatura).
  2. Para a segunda quincena a proposta será máis subxectiva e cada un e unha de vós deberá escoller a lectura cun criterio baseado na propia experiencia ou vivencias (por exemplo: o libro favorito do teu pai ou da túa nai).

A proposta para cada quincena publicarase nas nosas redes sociais Facebook e Twitter para que todos e todas podades seguir o reto incluso sen necesidade de vir á biblioteca. Ademáis, deste xeito poderedes comentar entre vos as vosas lecturas e establecer un diálogo que de seguro será moi enriquecedor.

Anímaste a seguir o reto? Séguenos na redes sociais e permanece atento/a para descubrir o primeiro dos retos, que será publicado o domingo 1 de xaneiro.

 

 

Etiquetas: 
Reto lector
Seleccións
Redes sociais